Retrincos

A xenealoxía editorial dos contos que compoñen os Retrincos é complexa. «O segredo», datado en 1909, foi publicado en Nós 43 (1929). «O inglés», redactado en 1914, non apareceu ata a súa publicación en libro. «Peito de Lobo» coñeceu, dende que foi escrito en 1918, varias versións: en A Nosa Terra (25-7-1919), en Galicia (24-8-1924) e en Nós 43 ( 1929). «O retrato» leva data de 1922 e tamén apareceu en Nós 43 ( 1929). Finalmente, «Sabela» foi redactado o mesmo ano no que se publicou: 1934. Todos eles foron ademais reproducidos en innumerables ocasións nas revistas galegas da emigración.

Cómpre subliñar que os Retrincos foron compostos en momentos e lugares (Pontevedra, Compostela, Rianxo… ) moi dispares, o que potencia a súa interpretación autobiográrica xa suxerida no «Limiar», e testemuña o carácter fragmentario que o propio título do libro adianta. Se cadra, isto pode explicar que Castelao lle encargase as ilustracións a Maside, algo insólito se temos en conta que adoitaba se-lo propio escritor quen ilustraba os seus textos. ¿Tiña o rianxeiro unha visión excesivamente mediatizada do narrado —na medida en que o vivira— como para que este elemento perturbase a re-creación plástica do asunto? Sería entón o afán de evitar unha excesiva submisión á realidade o que animaría ó autor a procurar unha ollada máis distante, menos implicada, capaz de recrear máis que de reproducir.

A orixe autobiográfica dos Retrincos vese tamén avalada por este fragmento dos Cadernos[1] manuscritos de Castelao:

Insisto en que debo ampliar o libro meu Retrincos con máis anécdotas da miña vida:

a) Cando apostatei da meiciña dispois de asistir ao parto da muller de Correa.

b) Cando meu tío Vicente ofereceu unha vela â Virxe das Doores, tan grande coma min e tiven que oferecerlla de xeonllos, sendo eu un librepensador…

c) Cando o Loureiro me deu unha labazada no baile de Lucía …

Pois ben. Malia tódolos datos que apuntan cara a unha lectura autobiográfica, Castelao non resiste a tentación de forzar ó máximo o xogo irónico co lector e remata o seu «Limiar» suxeríndono-la validez dunha lectura non referencial, de xeito que aquel poida dota-la anécdota dunha maior transcendencia simbólica ou, simplemente, facer dela unha valoración estrictamente literaria:

Eu ofrézovos hoxe uns anacos da miña vida e prégovos que os tomedes por certos e verdadeiros; pero se coidades que son mentiras eu perdónovos por adiantado.

E se nos Retrincoso feito de que a voz narrativa corresponda claramente (tanto no “Limiar” coma nos cinco relatos) á do propio Castelao condiciona o horizonte de expectativas do lector, orientando unha lectura en clave autobiográfica, cómpre tamén termos en conta que o continuo abalar entre ficción e realidade é case unha característica do conxunto da obra plástica e literaria do rianxeiro. Pois se ben é certo que non deixou de tirar proveito artístico das máis anecdóticas experiencias vitais, tamén o é que as estremas entre mundo empírico e mundo imaxinado non só non están nidiamente diferenciadas, senón que o propio Castelao xoga a confundilas[2].

As variantes que ofrecen as distintas versións destes textos reafirman o que xa apuntamos verbo dun Castelao estilista, que lúe o texto tal un ourive, e contradín a tan espallada pero escasamente fundamentada idea dun escritor espontáneo e improvisador (vid. supra) . En xeral, e á marxe das valoracións estrictamente lingüísticas que estes cambios nos merecen e que trataremos máis adiante, as variantes máis evidentes apuntan ben cara a unha clarificación do senso da anécdota, ben cara a conseguir unha maior concentración narrativa, un grao máis elevado de síntese entre historia e discurso.

Tamén cara a unha maior intensidade narrativa apuntan os brillantes finais destes Retrincos, sobre todo aqueles resoltos de xeito climático («Peito de lobo» e «Sabela»): por medio dunha frase exclamativa dun personaxe clausúrase a evolución diexética e sintetízase o pouso dunha emoción no lector. Nos restantes casos, recórrese á fórmula inversa, anticlimática pero non por iso menos sintética: a voz narrativa fai unha breve incursión no futuro para informarnos das consecuencias do narrado, o que incrementa o seu valor exemplificador, ó tempo que distende a tensión acumulada no relato pola presencia da morte; repárese en que os Retrincos que presentan este final de tipo epilogal («O segredo», «O inglés» e «O retrato») son xustamente aqueles nos que a morte actúa como un dos eixos diexéticos.


  1. Castelao. Cadernos: Escolma ( 1938 - 1948). Vigo: Fundación Penzol-Galaxia, 1993, p. 52.
  2. Quizais o exemplo máis rechamante desta confusión sexa o fragmento do seu Diario correspondente ó 15 de marzo de 1921 (vid. páx. 41 da edición facsimilar que a Deputación de Pontevedra fixo en 1986), onde narra a súa visita á casa dun «ostéologiste», un home que vendía ósos e esqueletos humanos entre os que se atopaba unha caveira cun ollo de vidro. Esta anécdota podería ser doadamente a fonte de inspiración de Un ollo de vidro, se non fose porque este texto xa fora lido como conferencia e publicado en 1920. ¿É posible que Castelao «imaxinara» o esquelete birollo e que fose dar con el uns meses despois nunha casoupa de París? ¿Ou o Diario contén partes «inventadas»? ¿Pretendía así o autor dotar de verosimilitude ás súas obras? ¿Supera a realidade á ficción en posibilidades artísticas? En todo caso, parece que o rianxeiro non quería optar dun xeito excluínte entre ámbolos mundos.

Leave a Reply

Your email address will not be published. Required fields are marked *