Castelao político

Segundo Ramón Piñeiro[1], o núcleo fundamental das ideas de Castelao estaría constituído polo ideario común do galeguismo tal e como fora formulado pola xeración das Irmandades da Fala, que recolleu a tradición dos Precursores e mais de Brañas, actualizándoo e dándolle unha maior penetración na realidade galega e unha plena inserción na realidade histórica do século XX. Pero se isto é certo, tamén o é que Castelao asimilou e expresou esta herdanza cunha grande orixinalidade e cun criterio moi persoal.

Os estudiosos da dimensión política do noso autor están de acordo en que esta vocación é serodia e menos espontánea cá artística[2]. Hai mesmo manifestacións do propio Castelao que semellan insinuar unha escasa predisposición cara ó que el entendía como un compromiso asumido como deber pero con non moi boa disposición de ánimo. A este respecto, rexístrase unha anécdota curiosa: xa o 28 de xuño de 1931, data na que se celebraban as elección ás Cortes Constituíntes nas que sairía elixido deputado, Castelao declaraba na prensa: «¡Que ganas teño de retirarme da política!»[3]

Esta dimensión da súa personalidade, compartida con outros escritores de clara vocación literaria como Otero Pedrayo, cómpre analizala non como excepcional senón no marco da masiva incorporación de intelectuais ó servicio da República que se produce daquela no conxunto do territorio español. Hai un certo consenso tamén en recoñecer que Castelao non foi un teórico político, nin un creador de doutrina, na medida en que carecía tanto de formación coma de vocación para iso. Xa que logo, fixo sempre prevalece-la praxe sobre a teoría, coa vontade de supeditalo todo a dous obxectivos principais: a liberación nacional de Galicia e o seu desenvolvemento socio-económico. Este pragmatismo traduciuse en flexibilidade, de xeito que o seu pensamento político foi evolucionando con aparente naturalidade. Así, Xusto G. Beramendi[4] distingue tres etapas na actividade política de Castelao:

— Pregaleguista (1909-1915). Segundo Xavier Castro, «nos primeiros anos rianxeiros e santiagueses Castelao amosa unha visión da vida máis ben conformista que se vai depurando e afinando en sensibilidade crítica conforme nos achegamos a 1916»[5]. O anticaciquismo da época de El Barbero Municipal aínda non ten alicerces ideolóxicos. Son os anos de achegamento ó agrarismo populista e reivindicativo de «Acción Gallega», que pula o interese de Castelao polos problemas sociais de Galicia, interese ó que non sería allea a experiencia do exercicio profesional da Medicina no medio rural.

— 1916-1929. Primeira fase nacionalista. Castelao intégrase nas Irmandades, atendendo ó chamamento galeguista, democrático e republicanizante dos primeiros membros: os irmáns Villar Ponte, Manuel Lugrís, Luís Porteiro, Xaime Quintanilla… A súa adicación política non pasa de se-la dun militante importante, que participa nas Asembleas e nalgún mitin, pero adicado sobre todo a contribuír a espalla-lo movemento e os seus ideais por medio da práctica artística. Entre o 1918 e 1923 a Dictadura de Primo de Rivera paraliza a actividade dos partidos, pero o galeguismo segue a traballar en labores culturais nos que Castelao se integrará plenamente.

A influencia de Risco, a grande autoridade teórica das Irmandades e a amizade de Castelao con Antón Villar Ponte explican a presencia de certos elementos tradicionalistas no seu ideario, e explican tamén que na escisión das Irmandades que se produce na Asemblea de Monforte de 1922 Castelao se una ó grupo ourensán, convencido de que defendía un nacionalismo máis radical có posibilismo político dos da Coruña. Os acontecementos dos anos seguintes demostraranlle que as cousas non eran exactamente como el pensara daquela.

— 1930-1950. Segundo pasa o tempo, Castelao vai deixando atrás adherencias tradicionalistas e vai acentuando os riscos do seu pensamento. Cando en 1930 o galeguismo empeza a levantar cabeza, o noso autor alíñase xa co sector máis progresista, o de Bóveda, Paz-Andrade etc. A súa elección como deputado ás Cortes Constituíntes convérteo nun líder político. Xa no Parlamento, intégrase no grupo que apoia o goberno de Azaña, posición que abandonará ós poucos meses.

Entre as súas actividades parlamentarias destacan unha emenda a prol da lingua galega, a xestión ante o Ministro de Instrucción Pública da creación de cátedras de galego nas escolas galegas e os seus discursos en defensa da pequena propiedade agraria ou do Estatuto de Autonomía de Cataluña. As boas relacións entre os deputados cataláns, vascos e galegos callan no pacto de Galeuzca, asinado en Santiago 0 25 de xullo de 1932 coa finalidade da mutua prestación de apoio, especialmente na loita autonómica.

Nun principio, quizais consciente do seu papel de líder, Castelao intentará manter unha actitude neutral entre as diversas correntes que actuaban no galeguismo, pero a derrota electoral sufrida polas esquerdas en novembro do 33 e os gobernos do chamado «bienio negro» fixéronlle comprender que só a esquerda lle concedería a Galicia a autonomía política e reveláronlle a verdadeira natureza social das dereitas, das que se afasta definitivamente. O sector galeguista de dereitas, asustado pola intensificación da loita de clases e pola polarización do poder político, atrinchéirase nunha actitude isolacionista e belixerante contra todo galeguismo laico, republicano e modernizador. O coñecemento directo da dura realidade estremeña, na época do seu desterro en Badajoz, remata por convencelo da necesidade dunha alianza de esquerdas como única saída para as reivindicacións de Galicia e das clases traballadoras. Promoverá así, con Alexandre Bóveda, o pacto do Partido Galeguista con Izquierda Republicana, que desembocará na creación do Frente Popular.

Así, nas eleccións de febreiro do 36 Castelao é outra volta elixido e entrégase afervoadamente a levar a bo porto o Estatuto de Autonomía de Galicia, que entrara xa na recta final dos trámites parlamentarios. Cando comeza a guerra, está en Madrid desenvolvendo xestións relacionadas co asunto: de certo que esta circunstancia lle salvou a vida. A teimosía de Castelao, que conseguiu que en plena guerra civil as Cortes, reunidas en Montserrat, aprobasen e desen validez legal ó Estatuto, foi o que permitiu que Galicia fose automaticamente considerada nacionalidade histórica na Constitución de 1978.

A guerra civil radicaliza aínda máis a actitude de Castelao, ó tempo que se acentúa a súa tolerancia cara ás ideoloxías e experiencias de esquerda: é a época das viaxes á URSS, EEUU e Cuba. A partir do ano 40, instalado xa en Buenos Aires, Castelao conságrase a manter aceso o facho do galeguismo na emigración e a soste-la fronte republicana, coa esperanza de que a victoria aliada permitise reinstaurar en España unha República agora federal. Pero pouco a pouco, a consolidación do franquismo e o desmantelamento progresivo das institucións no exilio irán reanimando as súas dúbidas cara ó republicanismo español e propiciarán un certo escoramento do seu pensamento cara a actitudes fundamentalistas.


  1. «Castelao e Pondal, dúas visións da nosa historia», Homenaxe a Castelao. Santiago: Servicio de Publicacións da Universidade, 1976, p. 55.
  2. Da abondosa bibliografía existente sobre o Castelao político seguimos aquí, fundamentalmente, a Xusto G. Beramendi: «A dimensión política de Castelao», De Rosalía a Castelao: Galicia (1837- 1950). Santiago: Xunta de Galicia-Museo do Pobo Galego, 1985 e «La evolución política de Castelao», cit.; Xavier Castro: «Castelao en los años treinta: andadura de un político malgré lui», Castelao 1886- 1950, cit. e «O pensamento político de Castelao», A Nosa Terra, extra 5-6, 1986; Ramón Piñeiro: «Castelao político», Anthropos 65 (1986).
  3. Citamos por X. Castro: «Castelao en los años treinta: andadura de un político malgré lui», cit., p. 201.
  4. «Estrutura e evolución da ideoloxía política de Castelao», A Nosa Terra, extra 12 «Castelao. As cartas de América», 1990.
  5. A Nosa Terra 5-6, art. cit., p. 61.

Leave a Reply

Your email address will not be published. Required fields are marked *