Castelao, un home do seu tempo

Foi no tempo das lendas de miragre…

Ramón Cabanillas

Se ningunha biografía particular abonda para resumir toda unha época, «no espello da de Castelao aparecen reflexos abondosos e fieis do tempo que lle tocou vivir»[1], que Ramón Villares define así:

Un tempo histórico intenso e ricaz en feitos, caótico e conflictivo. Un tempo de grandes mudanzas, das que Galicia participa dun modo tan silandeiro como profundo. Un tempo de loitas por un futuro mellor, desenvolvidas nos eidos do agrarismo, do nacionalismo, do movemento obreiro ou do autonomismo republicano. Un tempo, tamén, de dificultades e angurias, de barcos cheos de emigrantes, de quintas esbandalladas en Marruecos, dunha cruenta guerra civil e unha represión que tanto aferrollaron Galicia[2].

Os anos que Castelao vive en Galicia, ata o seu exilio definitivo, son anos de modernización do país, iniciada xa a finais do XIX: consolídanse a desmantelación do sistema agrario tradicional, o esforzo industrializador no sector pesqueiro e na construcción naval e importantes cambios sociais (aumento da poboación urbana, aparición do campesiñado propietario, esmorecemento da vella fidalguía rendista). Todos estes cambios non aconteceron sen crises, pois aqueles foron tempos de mudanzas, pero tamén de loitas e de angurias, case sempre vividas polo propio Castelao e que, inevitablemente, deixarían fonda pegada na súa obra gráfica e literaria.

O agromar do nacionalismo será un dos riscos máis significativos da historia de Galicia neste período, aínda que a loita por recupera-la conciencia nacional galega tiña xa unha longa tradición. Pero a vertebración política das inquedanzas nacionalistas non acadará a súa madureza plena ata estes anos que van desde 1918 ata 1936. O feito de que a figura de Castelao fose fundamental neste proceso propiciou a súa mitificación e manipulación interesada e a súa apropiación exclusivista por parte de tirios e troianos. Xusto G. Beramendi describe así, coa contundencia que o caracteriza, esta situación:

Estamos en pleno proceso de beatificación histórica de Castelao. Unos, los hijos y nietos de quienes le persiguieron y aplastaron cuanto él defendía, hoy construyen para él altares y mausoleos, sabedores de que esa es la mejor manera de neutralizarlo y hasta utilizarlo en su propio beneficio político. Otros se revuelven, con todo derecho, contra esa manipulación y lo esgrimen como auctoritas legitimadora de unas reivindicaciones nacionalistas que, en algunos puntos, desbordan claramente los límites que Castelao había puesto a las suyas[3].

Intentaremos ó longo destas páxinas non traizoa-la figura de Castelao e honra-lo seu nome procurando, dende a máis rigorosa honestidade científica, contribuír a borra-las aldraxes que adoito se cometen contra a súa memoria.

Alfonso Daniel Manuel[4] nace en Rianxo o 29 de xaneiro de 1886, no seo dunha familia modesta: seu pai era pescador e, animado por saír da miseria, emigra á Arxentina. Alí monta, en plena Pampa, unha pulpería. En 1896 unénselle a muller e o fillo, que ficarán alí catro anos nos que nacerán as irmás Josefina e Teresa. A experiencia deixará no neno unha fonda pegada, materializada anos máis tarde en moitas das súas creacións. A familia retorna a Rianxo en 1900, instalándose desafogadamente. En 1909 Castelao consegue a licenciatura en Medicina, tras uns anos que constituirían unha excepción na súa traxectoria vital: tuna, actor, noctámbulo e asiduo das tertulias dos bohemios modernistas, desta época son tamén as súas primeiras acuarelas e caricaturas. Xa licenciado, comeza a participar en diversas publicacións periódicas como ilustrador e caricaturista. Regresa á súa vila natal disposto a exercer como médico rural e prosegue a súa actividade artística, especialmente no semanario político-satírico rianxeiro El Barbero Municipal, apoiado polo sector conservador que lideraba seu pai e comprometido coa loita anticaciquil. En 1912 expón en Ourense e a boa acollida da súa obra anímao a presentarse na I Exposición de Arte Gallego de Madrid: o éxito ábrelle as portas dos principais xornais e revistas.

Nese mesmo ano incorpórase á Liga Agraria de Acción Gallega e casa con Virxinia Pereira. O ano seguinte nace o seu único fillo, Alfonso. En 1914 Castelao abandona (xunto con seu pai) a política local, aguilloado polas contradiccións entre as estratexias electorais e as súas propias esixencias políticas e mesmo persoais. Sofre unha grave enfermidade na vista da que é operado conseguindo, por esta vez, evita-la cegueira. A experiencia daralle unha especial sensibilidade que fará que a figura do cego sexa recorrente na súa obra. É unha suma de circunstancias (o fillo, a falta dunha vocación médica firme, etc.) o que o anima a preparar oposicións ó corpo de funcionarios de Estatística; para isto, trasládase a Madrid onde vivirá unha época de grande fecundidade artística (conseguirá, por exemplo, unha medalla na Exposición de Belas Artes). En 1916, aprobadas as oposicións, instálase como funcionario en Pontevedra, onde vivirá ata a guerra civil. Nese ano ingresa nas Irmandades da Fala comprometéndose, xa de por vida, co galeguismo.

En 1917 é nomeado profesor de debuxo no Instituto de Pontevedra, tarefa que simultaneará co seu traballo en Estatística e cunha intensa adicación ás artes plásticas, iniciando (entre outras) a súa colaboración en A Nosa Terra. A xenerosidade do seu carácter animouno a retoma-la actividade médica, de xeito transitorio, para axudar na epidemia de gripe do 18. En 1920 expón as cincuenta estampas do álbum Nós, que levantan adhesións entusiastas e rechazos radicais. Será tamén este ano cando saia o primeiro número da revista Nós, dirixida no aspecto literario por Risco e no artístico polo propio Castelao. Ó ano seguinte viaxa por Francia, Bélxica e Alemaña, cunha bolsa da Junta de Ampliación de Estudios. Á volta comeza a publicar no xornal vigués Galicia as súas «Cousas da vida», serie de estampas caricaturescas acompañadas dun pé que contribúen a aumenta-la súa sona en toda Galicia.

Na época da Dictadura de Primo de Rivera (1923-1930) o galeguismo refúxiase na actividade cultural, liderada polo Seminario de Estudos Galegos, no que Castelao ingresa en 1923. O seu interese polo estudio da etnografía e a arte popular galega callará nunha serie de estudios como As cruces de pedra na Galiza, lido en 1934 como discurso de ingreso na RAG, organismo para o que é nomeado en 1926.

As súas críticas á dictadura de Primo ameazan un desterro que consegue evitar gracias ás presións de amigos e familiares. Axiña padecerá unha nova e dolorosa crise visual. Isto, unido á morte do seu fillo, déixao animicamente á deriva e a Institución Libre de Enseñanza intenta axudalo, presionándoo para que estudie as cruces de pedra da Bretaña. Castelao e Virxinia viaxan alá en 1929. Despois dun período de silencio, por mor da súa doenza, retoma a actividade artística nas páxinas do Faro de Vigo. Os anos seguintes son dunha intensa actividade como líder e deputado do Partido Galeguista, dentro do marco propicio da Segunda República, proclamada en 1931. A solidariedade do Partido Galeguista coas revoltas obreiras de Asturias e independentistas de Cataluña (en outubro do 34 Companys proclama o Estado catalán dentro dunha república federal), violentamente reprimidas polo goberno de dereitas de Lerroux (o famoso «bienio negro» de 1933-35), motivaron un «traslado administrativo» de Castelao a Badajoz que foi, en realidade, un desterro preventivo; parece que foron os bos oficios do seu amigo Portela Valladares, daquela Ministro do Interior, os que lle permitiron voltar a Pontevedra e lanzarse a facer campaña polo Estatuto, que será plebiscitado o 28 de xuño do 36. O Partido Galeguista intégrase no Frente Popular, gañador das eleccións de febreiro do 36. Pero este vieiro queda coutado pola sublevación militar do 18 de xullo.

Iniciada a guerra, que o sorprende en Madrid, trasládase a Valencia cun grupo de significados intelectuais e artistas. Alí, pagado polo goberno republicano, debuxa Galicia mártir, o primeiro dos tres álbums inspirados na guerra que darán a volta ó mundo. En 1938 viaxa á URSS, ós EEUU e a Cuba por encargo do goberno, realizando unha febril actividade encamiñada a gañar fondos e prestixio para a República.

Nestes intres, o seu discurso político e artístico quere acoller a tódolos marxinados do mundo, tal e como amosan as súas estampas de negros e chineses. Como mostra de gratitude, a Federación de Sociedades Negras de New York noméao presidente honorario. No momento en que se produce a definitiva derrota republicana (1939), Castelao está nos EEUU, nunha pésima situación económica e anímica, acosado pola cegueira e por un entorno que lle resulta hostil. Para evitar ter que manterse dos fondos republicanos, decide trasladarse a Buenos Aires, onde é recibido como un persoeiro. Pero Castelao sabe que esta é a derradeira oportunidade: só alí, nas colonias de emigrantes galegos americanas, pode manterse aceso o facho da galeguidade ata que remate, dun ou doutro xeito, a longa noite de pedra da dictadura. Alí preside o Partido Galeguista nos seus derradeiros meses, segue a pintar e traballa no que será Sempre en Galiza.

O cambio de circunstancias imposto pola fin da Segunda Guerra Mundial anima a Castelao, incitado polo goberno vasco no exilio, a constituí-lo Consello de Galiza. En 1945 nace, da revitalización do pacto entre galegos, vascos e cataláns, a revista Galeuzca, que Castelao deseña e na que colabora activamente. A súa viaxe a México, centro do exilio republicano, para participar nunha sesión de Cortes que tiña como finalidade recompoñer toda a estructura institucional da República no exilio, permítelle decatarse da escasa viabilidade do proxecto. En 1946 é nomeado ministro sen carteira, como representante galego, no goberno de Giral; xa que logo, ten que trasladarse a París, onde se lle evidencia que a causa republicana carece de apoios importantes tanto dentro coma fóra de España. A crise do goberno Giral representa para el a fin dun ciclo; xa enfermo, regresa a Buenos Aires, tan fondamente desencantado que durante a viaxe, a bordo do «Campana», escríbelle a Otero Pedrayo o tres de agosto de 1947:

Xa non teño espranza de ver nunca máis a nosa Terra, e abrazarte a ti e abrazar a Galiza. Este retorno a Bos Aires é definitivo. Vou cansado, incruso de vivir.

[ … ] Virxinia pasou un ano moi duro en París ─ o pior ano do noso desterro─. Eu non podo disimular a miña tristura.

Xa en Buenos Aires, Castelao descobre que importantes membros do Centro Galego estableceran relacións co goberno franquista. Malia o seu fracaso político, segue a ser considerado como un símbolo da galeguidade, o que non alivia o seu padecemento moral nin as mágoas que lle ocasionan a súa case total cegueira e o cancro de pulmón. A comezos do 50, realízaselle unha complexa operación no sanatorio do Centro Galego de Buenos Aires pero xa non recobrará o coñecemento ata o seu pasamento, o 7 de xaneiro. O franquismo ordenou silencia-lo acontecemento en España, pero non logrou evita-la fonda emoción que causou na Galicia emigrada e exiliada nin a solemne cerimonia do seu enterro no mausoleo do Centro Galego no cemiterio da Chacarita. Alí ficaron os seus restos ata que en 1984 foron trasladados, a instancias do Parlamento de Galicia, ó Panteón de Galegos Ilustres de San Domingos de Bonaval, en Santiago de Compostela. Considerábase así que se daban xa as condicións impostas polo propio Castelao para efectuar este traslado: o restablecemento da democracia en España e da autonomía en Galicia.

Deteñámonos agora, antes de entrarmos en consideracións estrictamente literarias, nalgunhas dimensións fundamentais da figura humana e intelectual de Castelao.


  1. R. Villares, «O marco histórico», A Nosa Terra, extra 5-6 «Castelao e Bóveda, irmáns», 1986, p. 13.
  2. «O tempo de Castelao», De Rosalía a Castelao: Galicia (1837-1950). Santiago: Xunta de Galicia-Museo do Pobo Galego, 1986, p. 51.
  3. «La evolución ideológica de Castelao (del maurismo al galleguismo populista democrático)», catálogo da exposición Castelao 1886-1950. Madrid: Ministerio de Cultura, 1986, pp. 207-211.
  4. Valentín Paz Andrade, autor da máis completa biografía de Castelao que arestora temos (Castelao na luz e na sombra. Sada: Ediciós do Castro, 1986, p. 27), rexeita como «pequena leenda sen xeito» a idea de que o nome de Alfonso foi imposto polo cura que o bautizou, fondamente monárquico, aproveitando a circunstancia de que o seu nacemento cadrara co de quen sería Alfonso XIII. Os estudiosos máis rigorosos da biografía do noso autor son, ó abordar este punto, cando menos cautos.

Leave a Reply

Your email address will not be published. Required fields are marked *