Castelao, artista gráfico

Se hai un certo consenso entre a consideración que o Castelao político lles merece ós especialistas, non acontece o mesmo coa obra plástica de Castelao. Así, segundo Isaac Díaz-Pardo, «presentar a Castelao destacando su labor de artista […] es jugarle una mala partida, porque desde el punto de vista de la pintura, la obra de Castelao no está a la altura de los conocimientos ni de las inquietudes plásticas de su tiempo»[1]. Pola contra, Luís Seoane consideraba a Castelao como un grande pintor malogrado pola cegueira e pola necesidade imperiosa que sentía de emprega-la inmediatez do debuxo para combate-los males do seu tempo, dun xeito semellante ós artistas gráficos alemáns que coñecía e admiraba a través das revistas satíricas e das exposicións que puido ver nas súas viaxes.

Deixando á marxe xuízos de valor que non nos sentimos capacitados para confirmar ou rebater, o certo é que, como creador plástico, Castelao comeza cultivando un certo expresionismo de xinea modernista, movemento que agroma «como reacción contra a arte caduca coa que aínda se gorentaba a burguesía conservadora dun século que esmorecía, non só cronoloxicamente, senón tamén nas ideas. Trátase, pois, dun movimento que agroma na crise e que abrangue todos os eidos da criación artística. Procuraba un novo estilo intelectual e sensual, baseado no protagonismo da liña e nas cores chas, para obter a estilización e a síntese de funcionalidade e beleza»[2].

Así, na súa dimensión de pintor e artista gráfico aprécianse con claridade dúas fases: a primeira, que se estendería ata o álbum Nós, na que Castelao se interesa, máis ca polas cuestións técnicas, por buscar aqueles medios máis eficaces para divulgar «o que consideraba urxente transmitir en cuestións que afectaban á moral ou a problemas políticos e sociais”[3]. Desta época destacan tamén as súas acuarelas e os seus óleos, cos que renova o xeito tradicional de incorpora-la figura humana á natureza galega, vencellando con plena coherencia home e paisaxe. Os seus debuxos desta época prescinden do claroscuro tal e como era común na época.

Na segunda etapa, Castelao atende máis ó claroscuro dramático ca á liña definidora: agora os seus debuxos poderían compararse cos de Goya, un dos seus pintores preferidos, tanto na radicalidade ética coma na calidade estética da denuncia. Efectivamente, «cando en 1936 estoura con toda a súa crueldade a guerra española, Castelao sabía que a traxedia cancela os límites do humor e botou mao do expresionismo para pintar os abraiantes álbumes de guerra, arrincados da súa propia dór»[4]. O expresionismo, que agromara en Europa a partir de 1910, foi un xeito de profundizar artisticamente no home e nas súas sensacións, contestando a visión superficial e un tanto idílica que do mundo ofrecera o impresionismo.

A faceta de artista gráfico de Castelao é quizais a máis directamente vencellada á súa consideración como humorista. É ésta unha cuestión á que non se lle ten adicado, na nosa opinión, toda a atención que merece.

Segundo Siro[5], Castelao empregou o humorismo para aguilloa-la conciencia colectiva do pobo galego, amosándolle a realidade social de Galicia e póndose radicalmente da parte das víctimas, dos débiles, dos oprimidos. E isto porque lle interesaba máis «a identificación cordial co débil, ao traveso do sorriso solidario, que a agresión ao poderoso»[6].

Posiblemente haxa que procura-las claves do humor de Castelao no humor popular galego, sendo a retranca, o realismo e a melancolía algúns dos seus riscos máis característicos. Esta identificación do artista co seu pobo sería unha das  razóns do seu éxito e da súa popularidade.

Por outra banda, «resulta doado comprender que o dibuxante humorista veu a subverti-los criterios vixentes na Galicia do seu tempo, ao ofrecemos como motivo artístico o que estaba a ser tratado dun xeito superficial, cando non ridiculizado. Mentras outros artistas pintaban o “tipismo” e nos daban unha imaxe bucólica de Galicia, Castelao reflexou o País pobre e explotado que tan ben coñecía»[7].

Pero os valores solidarios non son os únicos nin os máis salientables da obra humorística-gráfica de Castelao. O seu prestixio débese a que «foi un extraordinario dibuxante, un expresionista emotivo e fondamente lírico, que atopou na caricatura modernista o medio idóneo para representar artísticamente a singularidade do pobo». A caricatura modernista foi un xénero gráfico que fixo da síntese expresiva o seu principal obxectivo: o resultado son uns debuxos nos que non falta nin sobra nada, só está o necesario esaxerado por defecto ou por exceso. Esta técnica permitiulle crear unha obra universal pero fondamente arraigada no galego, pois o público soubo percibir canto de vida e de verdade hai nas imaxes que nos deixou.


  1. «Castelao artista», Anthropos 65 ( 1986), p. 32.
  2. Siro: «O artista e o humorista», A Nosa Terra 5-6, p. 19.
  3. Vid. Luís Seoane: «Castelao artista». Citamos por De Rosalía a Castelao, cit., p. 72. A primeira edición deste ensaio apareceu en Buenos Aires: Editorial Alborada, 1969.
  4. Siro: «O artista e o humorista», cit., p. 23
  5. Vid. «Humorismo y caricatura en Castelao», Castelao 1886-1950, cit., e «Castelao, humorista», Anthropos 65 (1986).
  6. Siro: «Humorismo y caricatura en Castelao», cit., p. 152.
  7. Siro: «Humorismo y caricatura en Castelao», cit., p. 154.

Leave a Reply

Your email address will not be published. Required fields are marked *