A obra literaria

As primeiras manifestacións públicas de índole literaria ou paraliteraria que Castelao emite son, curiosamente, conferencias de temática artística como Algo acerca de la caricatura (1909), Arte e galeguismo (1919) e Humorismo. Debuxo humorística. Caricatura ( 1920). O seu achegamento á literatura é progresivo: así, os dous libros de Cousas (1926 e 1929, ambos recollidos en 1934) están aínda a cabalo entre o oráfico e o literario; trátase dun total de corenta e catro composicións en prosa, acompañadas das súas respectivas ilustracións, formando texto e debuxo unha unidade perfectamente integrada. A particularidade das Cousas chega a tal extremo que os críticos adoitan consideralas como un novo xénero que Claudio Rodríguez-Fer compara coa nivola unamuniana ou o esperpento de Valle-Inclán[1]. Será en 1934 cando confirme a súa faceta de escritor coa publicación de Retrincos e Os dous de sempre.

Mais cando se estudia a obra literaria de Castelao cómpre ter moi presentes algúns riscos supratextuais, na medida en que non atinguen a un texto concreto senón ó conxunto da súa producción plástica e literaria. En primeiro lugar, debemos reparar na súa aparente simplicidade formal que nos fai concibi-la imaxe dunha escritura espontánea pero que en realidade é froito dun constante e reiterado labor de estilización e dunha firme vontade de non deixar nada ó azar da improvisación[2], tal e como veremos ó comenta-los Retrincos. Esta simplicidade non é un obxectivo arbitrario, senón posiblemente o mellor molde, a estructura máis axeitada baixo a que a materia desenvolta por Castelao se nos podía presentar, na medida en que este pretende transmitir «unha dose ben medida de discurso rexeneracionista»[3], o que sería incompatible con fórmulas literarias altamente requintadas. Este tipo de estructuras sinxelas, tan vencelladas ás formas propias da literatura oral ou folclórica, están na base de toda a narrativa de Castelao e son, en gran parte, responsables da súa dimensión popular. O propio Castelao tiña moi claro o tipo de literatura que quería facer, a qué público quería chegar e era consciente de que «desviados d’a terra por non querer ser miñocas faguémonos monas, e ôs nosos paisanos que teñen un arte seu fitámolos dende a nosa maxinada outura cultural sen reparar que iles viven e que teñen un Arte qu’é eispresión do sentido d’a sua vida»[4]. Pero este afán de achegamento á arte popular non quere dicir, como el soubo expresar coa retranca que o caracterizaba, que «por sere enxebre […] m’atraco de lacón con grelos, que teño saudade d’o pantalón de cirolas de liño ou que antre neto e neto d’o bó tinto sáenme arrotos de carraxe contr’as pobres terras de Castela […]. Os enxebres d’agora queremos unha cultura galega»[5]. É dicir, arte popular si; primitivismo pseudoenxebrista e ruralizante, non.

O conxunto da obra de Castelao é a manifestación máis salientable de versatilidade artística da historia contemporánea de Galicia. As súas facetas de escritor e debuxante son inseparables á hora de entende-la súa vida e a súa producción pois ámbalas dúas se ilustran mutuamente: velaí témo-las Cousas da vida, colección de viñetas publicadas na prensa ó longo de moitos anos e nas que a forza da imaxe aparece condensada nunhas sentencias ó pé que teñen moito de epigramático; velaí temos tamén as Cousas[6], nas que a relación se establece ó revés, é dicir, agora é a imaxe a que complementa o texto, e a esta posibilidade non renunciará nunca Castelao, quen se ocupará tanto de ilustra-las súas novelas coma dos aspectos plásticos da súa obra teatral Os vellos non deben de namorarse. En definitiva, a obra de creación de Castelao constitúe un exemplo perfecto de superación das fronteiras que separan os distintos xéneros artísticos[7], feito este que debe ser avaliado como un síntoma de modernidade e como un avance cara ó establecemento dunha relación dialóxica entre os diversos discursos artísticos en tanto que discursos sociais. Na medida en que o conxunto da obra de Castelao contribúe a fomentar este diálogo, temos que xulgala como un importante avance no camiño de arrequentamento e diferenciación dos procedementos narrativos de representación na nosa literatura.

Do que levamos dito ata agora dedúcese que o máis axeitado é estudia-la producción literaria de Castelao como un macrotexto, entendido este como «un conxunto de textos singulares que se artellan no interior dunha macroestructura de tal xeito que o significado global do conxunto non coincide coa suma dos significados parciais dos textos singulares, senón que a sobrepasan»[8]. Anxo Tarrío fai esta suxerencia baseándose nas recorrencias temáticas e na relación dialéctica que vencella os distintos elementos da obra do noso autor e que a dota dunha insólita coherencia interna que ten moito que ver tamén coa reiteración dunha única fórmula narrativa, como agudamente soubo ve-lo profesor Carballo Calero:

A concentraçom ou a expansom da fórmula das Cousas está presente en toda a narrativa de Castelao. Assi a anterior como a posterior às Cousas mesmas. Desta maneira, temos: aplicaçom da fórmula no seu estado puro (Cousas); expansom da fórmula (Retrincos, que son “cousas” distendidas); multiplicaçom ou justaposiçom da fórmula (Un ollo de vidro e Os dous de sempre)[9].

É dicir, Castelao, home polifacético e adoito privado polas súas obrigas políticas do vagar preciso para adicarse á literatura, manexou constantemente unha fórmula narrativa coa que, evidentemente, se atopaba cómodo e que se axeitaba perfectamente ós seus obxectivos éticos e estéticos.

A indefinición xenérica que latexa en toda a obra de Castelao é o que explica que tódolos críticos que se teñen achegado á súa literatura coincidan en subliña-lo carácter fragmentario dos dous textos que foron publicados baixo o epígrafe de «novelas» e, xa que logo, a súa dependencia da fórmula da «cousa». Na nosa opinión, tanto Un ollo de vidro coma Os dous de sempre posúen coherencia diexética, estructural e semiótica abondo como para seren considerados novelas. Efectivamente, ámbolos dous textos están artellados en breves secuencias narrativas dotadas dunha certa autonomía propia pero sometidas a unha estructura-marco superior que é, xunto cunha diéxese centrada nos avatares que padecen os personaxes, a que lles confire a unidade imprescindible para mereceren o calificativo de «novelas».

Por outra banda, o que ata agora levamos dito verbo da obra de Castelao como macrotexto e de como nela fica abondo demostrada a convencionalidade das definicións xenéricas, fai que nos pareza ocioso entrar agora nesa polémica.


  1. Claudio Rodríguez-Fer: «Castelao como escritor», Anthropos 65 ( 1986), p. 35.
  2. Tal e como demostran Alfonso Mato e Henrique Monteagudo no seu art igo «O proceso de elaboración de Sempre en Galiza», Ramón Maiz et alii, eds.: Sempre en Galiza. Santiago: Parlamento de Galicia-Universidade de Santiago, 1991, pp. 19-68. No mesmo senso, pódense aduci-los testemuños persoais de Ramón Piñeiro e Francisco Fernández del Riego, citados polos autores do devandito traballo, e tamén o de Valentín Paz-Andrade, quen asegura que Castelao «escribía e rescribía cada peza, senón cada cuartela, cantas veces o esixía o seu canon autocrítico» ('«A fonte autobiográfica na narrativa de Castelao», Grial 71 , 1981). Analizan tamén esta cuestión Teresa López e Xosé M. Dobarro, «Castelao e a loita pola conformación dunha prosa galega», en Justo G. Beramendi e Ramón Villares: Actas Congreso Castelao. Vol. II. Santiago: Universidade, 1989, pp. 129-135.
  3. A. Tarrío: «Aspectos narratolóxicos da obra de Otero Pedrayo», Actas do Simposio Internacional "Otero Pedrayo no panorama literario do século XX". Santiago: Consello de Cultura Galega, 1990, p. 132.
  4. Alfonso R. Castelao: Arte e galeguismo (conferencia pronunciada na Coruña o 25-10-1919). A Coruña: Irmandade da Fala, 1919, p. 12.
  5. Arte e galeguismo, cit. , p. 7.
  6. Editadas en dous volumes: A Coruña, Lar, 1926 e A Coruña, Lar, 1929 respectivamente, aínda que moitas delas xa foran publicadas con anterioridade en xornais e revistas.
  7. Principio compartido por Otero Pedrayo, quen afirmaba que «o derrubamento das fronteiras entre os xéneros só proba a súa artificiosidade». Vid. o seu artigo «Castelao ou o rumor conxunto das vidas e camiños de Galicia», Grial 85 (1984), p. 276, que formaba parte dun libro de ensaios inédito que se titularía Xenio e ser de Galicia na novela moderna, hoxe lamentablemente perdido.
  8. A. Tarrío: «A recepción inmanente na obra literaria de Castelao», en Justo G. Beramendi e Ramón Villares, eds.: Actas Congreso Castelao, cit., vol. II, pp. 107-123.
  9. R. Carballo Calero: Escritos sobre Castelao, cit. p. 140.

Leave a Reply

Your email address will not be published. Required fields are marked *