4 Peito de Lobo

Aínda eu era estudante cando se criou no meu maxín a idea de facer un cabezudo, e, como na mocedade todo semella ledo e facedeiro, busquei o tipo máis laído da vila para que tódolos veciños escachasen de risa, sen facerme cargo da miña falla de caridade.

Traballei de firme para remata-la obra, que xa era sonada polo meu creto de mañoso, e xa figuraba en letras de molde no programa de festas.

E chegou o día. Na praza non collía unha agulla. No adro da eirexa un rapaz toco portaba un feixe de foguetes debaixo do brazo, e o fogueteiro soplaba na mecha, agardando a primeira badalada das doce.

De súpeto tanxeron os sinos, estalaron os foguetes e unha «ben afinada banda» rompeu a tocar. A cousa xa non tiña remedio. Saíu o meu cabezudo e no mesmo intre a xente escachou a rir, como facía nas comedias dos titiriteiros.

— ¡É Peito de Lobo! ¡É Peito de Lobo!

I entón nun curruncho da praza xurdiron chíos firentes de mulleres que non daban atafegado un orneo que chegou a min coma un tremer de terra. Era Peito de Lobo que quería esnaquizarnos: ó cabezudo e mais a min.

Co medo que papei non puden gorenta-lo carneiro da festa. A cousa non era para menos. Peito de Lobo nunca quixo poñerlle man ós fillos por medo de romperlle os ósos, e contan que unha vez, querendo botar un barco ó mar, afundeulle o costal co lombo. Era moito home para min, que xa me sentía desfrangullado nas súas poutas de ferro.

No remate da comida, e cando miña nai comezaba a dar gracias a Deus por tanto ben como nos dera, velaí aparece diante de min a muller de Peito de Lobo.

— Pois… eu véñolle decir que se garde do meu home! Vostede é o pecado, señor! Eu xa lle perguntei: «Pero ti, home, ¿onde te puxeches para que che tirase tan ben?» E o probe non fai máis que decir: «As espullas heillas dar eu a el!» Porque, mire, señor, o que máis o maguou foi que lle imitase as espullas do nariz.

Aquela tarde limpei de espullas o nariz do cabezudo. Peito de Lobo, preso na casa pola súa muller e polo medo de matar a un home, acochouse cediño, ollando dende o leito como os foguetes de luces tinguían de prata, ouro, verde e rosa, as paredes encaleadas, escoitando o son esviado da música e o estourar dos fogos. E canso de bulir no leito quedouse coma un santo.

Pasaron meses e un bo día atopeime con Peito de Lobo no peirán da ribeira. En canto puxo ollos en min virouse de costas e chantou a mirada no mar. E xuzgando que xa non quería comerme os angumiños, arrisqueime a falarlle. E dispois dunha leria raposeira quedamos amigos.

No segundo ano Peito de Lobo apañou tal carpanta de anís escarchado que bailou co cabezudo na praza, e dáballe bicos e apertas, e chamáballe «meu irmanciño».

No terceiro ano saíu o cabezudo con espullas no nariz, cousa que fixen por mandado do mesmo Peito de Lobo.

Dende entón o meu amigo considerouse un pouco inmortalizado.

Fuxiron os anos e fuxiron as sardiñas para os xeiteiros. Peito de Lobo envelleceu de tempo e de fame. As festas viñeron a menos, como os quiñóns dos mariñeiros; mais o cabezudo aínda saía, un pouco destragado polos tratos ruíns que lle daba o sancristán.

Fai dous anos estaba un forasteiro ollando o cabezudo, con ese ollar dos que van ás festas e non se divirten, cando Peito de Lobo achegouse a el, paseniñamente, e dándolle co cóbado deitou quediño na súa orella:

— Fíxese no cabezudo e repare en min. O cabezudo son eu.

Coma se nascese destiñado a ser unha cabeza grande de cartón, Peito de Lobo ollaba no cabezudo a súa forteza pasada, a súa esvaída popularidade.

O cabezudo non volveu a saír. O sancristán puxo enriba da cabeza de cartón o tumbo dos difuntos, e coa humidade do inverno aplacouse e quedou esmagada. Peito de Lobo tampouco volveu a saír. Un «aire de felesía» deixouno tolleito, e cómpre decirvos que lle dou o mal no mesmo intre en que o cabezudo foi vencido polo tumbo…

O ano derradeiro pasei diante da casa de Peito de lobo. ¡Que tristura me dou! Estaba no balcón, sentado, semellante a un monifate de farrapos, encostado no corpo vivo da súa compañeira. De pasada saudeino con agarimo. Peito de Lobo miroume con ollos de peixe podre, e a súa muller díxome con bágoas nos ollos:

— ¡Alá se foi o cabezudo, señor!

Placeres, 1918

Leave a Reply

Your email address will not be published. Required fields are marked *