Retrincos

Afonso Daniel Rodríguez Castelao

book-cover

Book Description

O libro Retrincos, publicado no 1934, é unha colección de cinco contos que se nos presentan como autobiográficos e que recollen cinco momentos da vida de Castelao, ordenados cronoloxicamente:

«O segredo», relata unha anécdota da estancia do neno Castelao entre os gauchos da Pampa. Un gaucho morrera na pulpería que tiña seu pai e este ordenou ao fillo que gardase silencio para que non chegase a noticia á nai, que estaba abrouxada coa vida brava daquelas xentes.

«O inglés» tamén se desenvolve na Pampa arxentina, nos anos da guerra de Cuba. Tralo desastre de Santiago de Cuba, as mofas dun inglés feriran xurdiamente ao neno, que argallou un plan para asasinalo.

«Peito de Lobo» preséntanos ao Castelao estudante en Compostela. Ocorréraselle facer, para as festas de Rianxo, un cabezudo que reproducía o rostro dun mariñeiro coñecido polo alcume de Peito de Lobo.

«O retrato» é unha fermosa anécdota de cando Castelao xa deixara a medicina: a curación imposible para un médico e o milagre feito polo pintor.

«Sabela» é unha narración da súa época de deputado en Cortes, contemporánea do momento en que a escribe Castelao.